
A pasarela peonil situada no lugar de O Igrexario, na parroquia de Monteagudo, no concello de Arteixo, xa foi reparada despois de que Alternativa Enxebre denunciase publicamente o seu mal estado de conservación e reclamase unha actuación urxente por parte do Concello.
A infraestrutura presentaba importantes deficiencias, con táboas desprendidas, parafusos sobresaíntes e unha varanda parcialmente derrubada, circunstancias que supuñan un risco para a seguridade das persoas usuarias.
Desde Alternativa Enxebre amosan a súa satisfacción por que, finalmente, se atendese a reclamación e se acometesen os traballos necesarios para reparar a pasarela. Porén, a organización insiste na importancia de garantir un mantemento adecuado e periódico para evitar que a infraestrutura volva deteriorarse ata alcanzar unha situación de risco.
«Levou o seu tempo, pero finalmente chegou a reparación», sinalan desde Alternativa Enxebre, que advirten de que non se debería agardar a que o deterioro das instalacións públicas represente un perigo para a veciñanza, nin moito menos a que se produza un accidente, para actuar.
A organización lembra que a conservación das infraestruturas municipais debe abordarse desde a prevención, mediante revisións periódicas e intervencións a tempo, e non unicamente cando os danos xa son evidentes ou comprometen a seguridade das persoas.
Así mesmo, subliña que o mantemento dos equipamentos públicos é unha responsabilidade continuada do Concello, con independencia de quen estea á fronte do Goberno municipal.
Coa reparación xa realizada, Alternativa Enxebre considera necesario que se manteña unha vixilancia regular sobre o estado da pasarela de O Igrexario para evitar que volva presentar as deficiencias que motivaron a denuncia.
A pasarela xa está reparada, pero o reto agora é garantir a súa conservación e seguridade a longo prazo.
