
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, analizaron este luns posibles actuacións para mellorar a rede de saneamento do municipio nunha reunión celebrada pola mañá en Santiago de Compostela.
Durante o encontro, o rexedor trasladoulle á conselleira os proxectos que está a estudar o Concello para renovar e mellorar este servizo nas parroquias de San Vicente e Cañás. O obxectivo é que, unha vez realizadas as actuacións, ambas as redes conduzan as augas residuais ata a estación depuradora de San Vicente, que xa dispón da capacidade necesaria para asumilas.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez comprometeuse a que o persoal técnico de Augas de Galicia analice as propostas municipais para avaliar a súa viabilidade técnica e estudar as posibles vías de colaboración para o seu financiamento.
Cómpre lembrar que as competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de auga corresponden aos concellos. Non obstante, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ofrece apoio técnico e económico ás entidades locais para axudalas a prestar estes servizos de maneira máis eficiente e garantir unha atención de calidade á veciñanza.
