
O Tribunal impón a cada acusado un ano de prisión, unha multa de 1.620 euros e o pagamento dunha indemnización de 3.000 euros
O maxistrado da praza número 3 da Sección Penal do Tribunal de Instancia da Coruña condenou, tras a conformidade alcanzada polas partes, a dous veciños de Vimianzo a un ano de prisión e ao pagamento dunha multa de 1.620 euros a cada un por colocar carteis con contido calumnioso e inxurioso na fachada e noutras zonas da súa vivenda.
Os acusados recoñeceron a falsidade das acusacións que difundiran e retractáronse delas, o que levou a Fiscalía e ás acusacións particulares a modificar a cualificación dos feitos.
Segundo os feitos considerados probados por conformidade, os dous condenados actuaron de común acordo entre o 28 de xullo e o 21 de setembro de 2020, período durante o cal colocaron numerosos carteis na súa vivenda con afirmacións ofensivas e acusacións falsas dirixidas a diferentes cargos públicos, autoridades e profesionais.
Entre as persoas aludidas figuraban a alcaldesa de Vimianzo, a concelleira de Servizos Sociais, unha traballadora social municipal, varias maxistradas, a xefa provincial de Tráfico, axentes da Garda Civil e o exalcalde do municipio.
Catro delitos de calumnia e seis de inxuria
O fallo considera que os feitos constitúen catro delitos de calumnia con publicidade e seis delitos de inxurias con publicidade. Ademais das penas de prisión e das multas, o maxistrado impuxo aos dous condenados o pagamento dunha indemnización de 3.000 euros.
A condena prodúcese tras o recoñecemento dos feitos por parte dos acusados e a conformidade das partes coa resolución xudicial.
