
O Concello considera que a futura planificación autonómica recolle criterios que leva defendendo desde o inicio da tramitación do proxecto e manterá a súa oposición por todas as vías administrativas e legais.
O Concello da Laracha valora positivamente a nova estratexia da Xunta de Galicia para a planificación das plantas de biogás, ao considerar que incorpora criterios de proximidade, sustentabilidade, prevención dos cheiros e dos impactos ambientais, participación pública e equilibrio territorial.
Segundo destaca o Goberno local, estes principios coinciden coas principais consideracións que o Concello trasladou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático desde o inicio da tramitación do proxecto da macroplanta de biogás prevista en Soandres.
Estas demandas foron formuladas tanto nas alegacións presentadas ao proxecto como nas reunións mantidas polo alcalde, José Manuel López Varela, coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
O rexedor informou desta cuestión aos representantes da Plataforma Stop Biogás A Laracha durante unha reunión celebrada ás 8:30 horas, na que lles comunicou a valoración municipal sobre a futura planificación autonómica.
Malia valorar positivamente a incorporación destes criterios na estratexia da Xunta, o Concello insiste en que mantén o seu rexeitamento firme e unánime á macroplanta de biogás de Soandres.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso de continuar defendendo os intereses do municipio e da veciñanza por todas as vías administrativas e legais ao seu alcance.
A posición do Concello céntrase en que a planificación das instalacións de biogás teña en conta a proximidade aos núcleos de poboación, a protección ambiental, a prevención das molestias e a participación cidadá, aspectos que considera fundamentais para garantir un desenvolvemento sostible e respectuoso coa contorna.
