
O Concello de Ribeira continúa avanzando na mellora dos servizos básicos e das infraestruturas municipais coa adxudicación de tres actuacións de saneamento e pavimentación que suman un investimento total de 114.445,80 euros, no marco do POS+2025 da Deputación da Coruña.
A intervención de maior contía será a renovación do firme do camiño de acceso á zona de aparcamento da praia das Dunas, cun orzamento de 43.370,47 euros. Os traballos permitirán mellorar o estado da vía e facilitar o acceso a este espazo, especialmente utilizado durante a tempada estival.
A segunda actuación corresponde á mellora do saneamento no lugar de Cristal, na parroquia de Olveira, cun investimento de 38.445,33 euros. Esta intervención busca reforzar os servizos básicos e mellorar as infraestruturas de saneamento nesta zona do municipio.
O terceiro proxecto contempla a renovación do firme da rúa Mariño de Rivera, situada no centro urbano de Ribeira, cunha contía de 32.630 euros. A obra permitirá mellorar as condicións da calzada e favorecer a mobilidade nesta vía.
Estas tres actuacións enmárcanse no programa de investimentos municipais financiado a través do POS+2025 da Deputación da Coruña e teñen como obxectivo continuar mellorando as infraestruturas públicas e a calidade dos servizos que se prestan á veciñanza de Ribeira.


