
A renovación de 36 luminarias por tecnoloxía LED permitirá reducir un 70,21 % o consumo eléctrico anual do polígono, que conta con 86 empresas en funcionamento.
Melide, 22 de outubro de 2026. A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou o parque empresarial da Madanela, en Melide, para comprobar o resultado das actuacións de mellora das súas infraestruturas, financiadas polo Goberno galego con máis de 53.000 euros.
O investimento autonómico destinouse, por unha banda, á renovación do alumeado público, cunha achega próxima aos 39.000 euros, e, por outra, ao reforzo dos medios para a recollida selectiva de residuos, cunha subvención superior aos 14.000 euros. Ambas as intervencións xa están executadas.
O parque empresarial da Madanela ocupa unha superficie de 215.588 metros cadrados e alberga 86 empresas en funcionamento, o que o converte nun dos principais espazos de actividade económica da comarca da Terra de Melide.
Durante a visita, Belén do Campo destacou que estas melloras contribúen a incrementar a eficiencia enerxética, reforzar a seguridade das instalacións e facilitar unha xestión máis sostible dos residuos. Así mesmo, subliñou a importancia de dotar os polígonos industriais de infraestruturas modernas e adaptadas ás necesidades das empresas.
O alumeado LED reduce máis dun 70 % o consumo eléctrico
Unha das principais actuacións consistiu na substitución de 36 luminarias de vapor de sodio por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes enerxeticamente e regulables segundo as necesidades do servizo.
Os traballos incluíron tamén a renovación de aproximadamente 1.800 metros de cableado deteriorado, a instalación de dúas columnas de iluminación de 12 metros de altura e a reparación e mellora dos cadros eléctricos de mando e protección.
En concreto, instaláronse 13 luminarias de 100 vatios, oito de 60 vatios e outras 15 de 50 vatios, adaptadas ás características da instalación.
Segundo as estimacións, o consumo eléctrico anual pasará de 32.850 quilovatios hora a 9.785,65 quilovatios hora, o que representa unha redución do 70,21 %.
A intervención completouse coa renovación de distintos elementos dos cadros eléctricos, a substitución dos interruptores diferenciais por modelos rearmables, a reparación das conexións internas, a mellora da estanquidade das envolventes e a posta a terra dos cadros de mando e protección. Estas medidas permiten aumentar a seguridade e a fiabilidade do sistema, ademais de prolongar a súa vida útil.
Máis contedores para impulsar a recollida selectiva
A segunda actuación centrouse na mellora da xestión dos residuos mediante a ampliación dos medios dispoñibles para a recollida selectiva nas vías interiores do parque empresarial.
En total, instaláronse 23 novos contedores: dez azuis, cunha capacidade de tres metros cúbicos cada un, destinados ao papel e ao cartón, e 13 amarelos, de 1.100 litros, para envases de plástico, metal e briks.
A distribución dos colectores polas distintas vías do recinto, especialmente nas proximidades dos accesos ás empresas, facilitará o depósito dos residuos e favorecerá a súa separación en orixe.
De acordo coas frecuencias de recollida previstas, estes novos medios permitirán xestionar arredor de 27 toneladas anuais de papel e cartón e aproximadamente 159 toneladas de envases.
A actuación complementa os servizos do punto limpo municipal de Melide, situado no propio polígono, onde se poden depositar residuos como aceites vexetais, restos de pequenas obras, podas, baterías de automóbiles, electrodomésticos, mobles, colchóns e outros residuos voluminosos.
Máis de 1,3 millóns de euros para os parques empresariais da provincia
As melloras realizadas na Madanela enmárcanse na convocatoria de axudas de 2026 da Xunta para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros e coa que se financiaron 53 actuacións en toda Galicia.
Na provincia da Coruña concedéronse 22 axudas en 18 concellos, que benefician 19 parques empresariais, por un importe próximo aos 1,3 millóns de euros.
As subvencións poden cubrir ata o 80 % do investimento subvencionable, cun límite de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as conxuntas.
Como novidade nesta convocatoria, incorporouse tamén a posibilidade de financiar melloras das infraestruturas e dos espazos públicos dos parques empresariais destinadas a favorecer a súa integración paisaxística.
Ademais, as axudas contemplan actuacións relacionadas co alumeado público, as plantas de depuración de augas, os colectores conectados á depuradora municipal, a xestión de residuos, as infraestruturas viarias e os servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.
Belén do Campo incidiu na importancia de apoiar os concellos que xa dispoñen de parques empresariais en funcionamento e necesitan modernizar as súas instalacións, co obxectivo de mellorar os servizos que ofrecen ás empresas e favorecer o desenvolvemento da actividade económica local.
