
As obras terán un prazo de execución de tres meses. As instalacións acolleron seis campamentos de Aventura nas Mariñas, con 600 prazas, na última edición de Modo Verán Activo.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026. A Xunta de Galicia adxudicou por máis de 135.000 euros as obras de impermeabilización da cuberta do polideportivo do albergue xuvenil Mariña Española, situado no municipio coruñés de Bergondo. Segundo figura no Portal de Contratación, os traballos contan cun prazo de execución previsto de tres meses.
A actuación ten como obxectivo mellorar e modernizar as instalacións deportivas do albergue, mediante a impermeabilización da cuberta e a realización de traballos asociados á construción de cubertas e estruturas de peche.
Esta intervención permitirá poñer a punto un espazo vinculado ao desenvolvemento de actividades de lecer educativo e tempo libre dirixidas á mocidade, especialmente durante a época estival.
3.745 prazas na provincia da Coruña
O albergue Mariña Española forma parte da rede de instalacións que acollen actividades do programa Modo Verán Activo, que na última edición ofertou un total de 3.745 prazas na provincia da Coruña, distribuídas en doce espazos.
No caso de Bergondo, o albergue desenvolveu o programa Aventura nas Mariñas, que incluíu seis campamentos e un total de 600 prazas, organizadas en quendas de sete días.
Ademais, as instalacións puxeron á disposición de entidades xuvenís máis de 300 prazas adicionais en tres modalidades de actividades, mediante a cesión de uso dos espazos para a organización de programas de lecer educativo e tempo libre.
Con esta actuación, a Xunta busca mellorar o estado das instalacións do albergue, que constitúe un recurso para a organización de campamentos e outras propostas de ocio destinadas á mocidade.
