O BNG propón destinar os 140.409 euros do POS+ Adicional ao saneamento de Serantes

A formación nacionalista reclama que os fondos se destinen a dotar de saneamento os núcleos de Conlle, Transfontáns e Carrabete, que continúan sen este servizo básico.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Laxe vén de propoñer destinar integramente os 140.409,12 euros que lle corresponden ao municipio no novo POS+ Adicional da Deputación da Coruña ás obras de saneamento dos núcleos de Conlle, Transfontáns e Carrabete, en Serantes.

A proposta foi trasladada ao alcalde a través dun escrito no que a formación nacionalista reclama que estes fondos se empreguen para avanzar na dotación dun servizo esencial para a veciñanza destes lugares.

Desde o BNG consideran lamentable que, en pleno século XXI e a escasa distancia do casco urbano, estes núcleos continúen sen contar cunha rede de saneamento. A formación lembra que se trata dunha reivindicación histórica que xa trasladou ao Concello en anteriores ocasións, sen que ata o momento se lle dera unha resposta satisfactoria.

Unha carencia que se prolonga no tempo

O BNG pon o foco na falta de solucións ao longo dos distintos mandatos municipais. «20 anos de goberno do PP, 20 do PSOE e outros 7 do PP», sinalan desde a formación, que denuncia que, malia os cambios no goberno local, Conlle, Transfontáns e Carrabete seguen sen dispor deste servizo básico.

A formación nacionalista cuestiona tamén as prioridades das administracións públicas ao lembrar que a Xunta, co visto e prace do Concello, executou unha senda peonil por todo Conlle antes de resolver a carencia de saneamento. Para o BNG, esta actuación evidencia a necesidade de situar os servizos básicos no centro das decisións de investimento.

Por iso, a formación defende que os 140.409,12 euros do POS+ Adicional se destinen integramente a avanzar no saneamento destes tres núcleos, dando resposta a unha demanda veciñal que consideran xusta e que leva demasiado tempo agardando solucións.