

O Concello de Ponteceso vén de rematar as obras de construción dunha nova rede de abastecemento de auga en Bardaio, núcleo da parroquia de San Martiño de Cores, que contará por primeira vez co servizo municipal de auga.
A actuación supuxo un investimento de 130.000 euros e permitirá mellorar os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza, facilitando o acceso á auga municipal nunha zona que ata agora non dispoñía desta prestación.
O proxecto foi posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a través do Plan de Obras e Servizos (POS+), que contribúe a financiar actuacións destinadas á mellora das infraestruturas e dos servizos municipais.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia de seguir avanzando na dotación de servizos públicos en todas as parroquias do municipio. Esta intervención enmárcase no compromiso do goberno local de garantir unhas infraestruturas básicas adecuadas para toda a poboación, independentemente do núcleo no que resida.
Con esta nova rede de abastecemento, Bardaio dá un paso importante na mellora dos seus servizos e na atención ás necesidades da súa veciñanza.
