Cousas de Muros:  O Xuíz e os touros

Por Manuel Lago Álvarez

Agora chámase Curro da Praza. De moito antes coñecíase por Curro dos Touros, e iso pola sinxela razón de que alí se celebraban corridas de touros. Hai algunhas referencias gráficas que nos trasladan aos primeiros anos do século XX, nas que se identifican con toda claridade a praza e a Casa do Concello daquelas datas, pero aínda non se atoparon documentos que nos leven a concretar en que século se celebrou en Muros a primeira corrida de touros, nin tampouco como naceu esta afección entre as súas xentes. O que si podemos dar por seguro é que no ano 1729 xa se celebraban en Muros corridas de touros, e iso grazas a documentos existentes no Arquivo do Reino de Galicia (ARG), máis concretamente por unha denuncia presentada por varios veciños contra o xuíz don Francisco San Millán, a resultas dun tumulto no que este xuíz tivo moito que ver.

O día da celebración da Festa de San Pedro (un mércores 29 de xuño), celebrándose a corrida de touros que era presidida dende o balcón da Casa Consistorial polo xuíz Francisco San Millán, como máxima autoridade da vila e alfoz, e iso porque o goberno municipal daqueles tempos estaba presidido por un xuíz (nomeado polo arcebispo de Santiago), dous alcaldes ordinarios e cinco rexedores, que xunto cos cargos nomeados polo Gremio do Mar (o escribán do Concello, o procurador síndico e dous deputados de abastos), conformaban o «aparello» municipal, correspondéndolle sempre ao xuíz ostentar a máxima representación do consistorio en calquera tipo de acto, fose civil ou relixioso. Diso dá boa conta o notario don Tomás de Campelo nuns documentos da Real Audiencia que forman parte dos arquivos do ARG:

«En las funciones de las yglesias colegiata y parroquial de esta dicha villa, en la primera ay banco firme para su merced justicia y regimiento, y en las segundas comúnmente se pone portátil; siempre dichos jueces toman su asiento en la cabecera de ellos con preferencia a los alcaldes regidores y más individuos del ayuntamiento. En el jueves santo de cada año se pone nuestro redemptor en su urna y monumento en dicha colegiata cuya llave el prior de ella u otro canónigo que le escusa pone al cuello de los jueces a vista, ciencia y consentimiento de los alcaldes, regidores, cuyos alcaldes también la reciven en bacante de los jueces. En las procesiones de dicha colegiata y las que salen por esta villa las presiden estos llevando a sus costados los alcaldes y no aviendo más de uno de estos ba a su lado derecho y un regidor al izquierdo y en fin en todas las funciones de dichas yglesias como son las principales de ramos, ceniza y la presentación de nuestra señora los jueces son los primeros del cuerpo secular que recibe del preste la palma, ceniza y vela».

Ese día de touros en Muros, o xuíz, que dende a súa atalaia observaba touros e xentes, viu como se organizaba un tumulto. Sen dubidalo moito, o xuíz saíu da Casa Consistorial co seu bastón, para deter os alborotadores, pero, ao non poder detelos, tomouna a paus cos presuntos revoltosos.

A consecuencia do «reparto de paus», resultaron feridas un bo número de persoas, entre elas o mozo Pedro Areas, quen (segundo o denunciante) botou moito sangue e a quen lle rompeu a cabeza. Pero houbo paus para moitos máis veciños, incluso para veciños de «distinción».

«[…] y sin más refleçión ni reparo se salió el referido juez de dichas casas consistoriales sin bara de justicia y con bastón en la mano sin aver pendencia alguna dio dicho juez con el referido bastón muchos palos a muchos vecinos de distinción como entre otro fue a dicho Pedro Areas el mozo a quien rompió la caveza de que resultó haver arroxado mucha cantidad de sangre y a Andrés Sardiñeira le ha dado de rempuxones aciéndole de la casaca en tanta forma que le hizo pedazos della y otros más vezinos los ynxurió de obra y palabra». ARG – Real Audiencia.

Pero nin pasando o día rematou a «romaría». Na madrugada do día 3, o xuíz saíu prender varios veciños, e suponse que tamén co bastón, —que non coa «vara de justicia»—, producíndose situacións de violencia, o que provocou a indignación dos veciños polo fondo e polas formas da actuación do xuíz, que foi ameazado de morte a puñaladas polos veciños, con berros de que habían de facer con el o mesmo que fixeran os do Grove noutro tempo.

Vista a situación, o xuíz San Millán abandonou a vila, trasladándolle o asunto ao tenente xuíz que nese momento era don Andrés Rial Granero, quen decidiu prender varios veciños, entre eles un escribán de número.

Na documentación do preito seguido na Real Audiencia pode lerse:

«[…]y después de averse sosegado unos y otros dicho juez discurrió como salir de su casa ausiliado de dichos dos escrivanos y más expresados a la una de la noche amaneciendo al día tres deste presente mes y con extrépito y alvoroto anduvieron por las calles de dicha villa rompiendo las puertas de algunas casas de los vecinos y entre ellas las de algunas mugeres viudas que como onestas y recoxidas se allaban en el descanso de sus camas entrándose dentro de dichas casas con cuio motivo y vozes se atemorizaron uillendo de ellas persuadiéndose con esta confusión el que acaso sería alguna ymbación de moros mediante en dicha ocasión se allavan unos navíos dellos a la cercanía del puerto de dicha villa que yntentavan hacer desembarco». ARG: Real Audiencia.

Do preito descoñécese como rematou, e do xuíz don Francisco San Millán sábese que continuou no cargo ata 1732, ano no que foi substituído por don Antonio Reloba Quirós, quen fora xuíz de Noia entre os anos 1726 e 1729. No ano dos incidentes eran alcaldes de Muros don J. Sardiñeira Caamaño e don J. Hevia Barrera. Tamén nese ano de 1729 era procurador síndico do Concello don Francisco Luaces Becerra Figueroa.

Manuel Lago Álvarez maís coñecido en Muros como Manolo de América.