
A polémica está servida na Asociación de Empresarios de Santa Comba (AES). Un grupo de 22 empresarios presentou un escrito no que reclama paralizar a instalación dunha pista de xeo e convocar unha reunión urxente para buscar alternativas que beneficien directamente o comercio local.
O máis cuestionable é como se xestionou a proposta. Na asemblea extraordinaria do 25 de setembro, a instalación da pista de xeo non figuraba expresamente na orde do día, que incluía outros dous asuntos. Segundo os empresarios críticos, tampouco se votou a incorporación deste novo punto nin se realizou unha votación específica para aprobar o proxecto. Aínda así, a iniciativa anunciouse durante a reunión como unha decisión que saía adiante. Das 16 empresas presentes, cinco manifestaron a súa oposición.
As dúbidas non son só polo procedemento. Segundo as cifras trasladadas polos asinantes, o proxecto roldaría os 21.500 euros, aos que habería que engadir 7.000 euros municipais para unha carpa, ademais dos gastos de monitores e xeración eléctrica.
Como se pode impulsar un gasto destas dimensións sen que figurase expresamente na convocatoria e sen unha votación específica sobre a proposta? A cuestión merece unha explicación clara por parte da Xunta Directiva, así como a publicación do custo total e das condicións económicas do proxecto.
Os empresarios consideran que existen alternativas máis eficaces para fomentar o consumo nos negocios locais e cuestionan que a asociación asuma unha iniciativa que, segundo sinalan, noutros municipios financia o propio Concello.
O debate vai máis alá dunha pista de xeo: afecta á transparencia, á participación dos asociados e á maneira de tomar decisións en nome do colectivo empresarial. Agora, a Xunta Directiva debe aclarar o procedemento seguido e responder ás preguntas dos seus asociados.
Porque *a orde do día dunha asemblea non debería ser un simple trámite, e comprometer recursos da asociación require información, debate e garantías de participación.
