
A formación denuncia o abandono da cultura no municipio e considera que a reapertura anunciada polo alcalde chega tras a presión exercida pola oposición.
Alternativa dos Veciños de Fisterra denunciou publicamente a situación da biblioteca municipal, que continúa pechada tras o período estival, e expresou a súa preocupación polo que considera un abandono da cultura por parte do goberno local.
A formación lembra que a biblioteca é un servizo público esencial para fomentar a lectura, facilitar o estudo e garantir o acceso á cultura da veciñanza, polo que considera inaceptable que permaneza pechada sen unha solución efectiva.
Segundo denuncia Alternativa dos Veciños, foi despois de que a formación fixese pública esta situación cando o alcalde de Fisterra, Luis Insua, anunciou que o servizo reabrirá a vindeira semana.
Desde a oposición cuestionan, ademais, que o rexedor cualifique de «surrealista» a súa queixa, cando, ao seu xuízo, os feitos evidencian a falta de resposta do goberno municipal ante un problema que afecta directamente á cidadanía.
A formación considera que este episodio volve poñer de manifesto a importancia do labor de fiscalización e control da oposición. «Se non fose pola nosa denuncia, as necesidades da veciñanza quedarían gardadas nun caixón», sostén Alternativa dos Veciños.
A agrupación insiste en que non permitirá que Fisterra retroceda nos seus dereitos e servizos básicos e reclama un goberno municipal capaz de anticiparse aos problemas, garantir o funcionamento dos servizos públicos e ofrecer solucións sen necesidade de esperar ás denuncias da oposición.
Alternativa dos Veciños conclúe que Fisterra merece un goberno que actúe, cumpra coas súas responsabilidades e dea resposta ás necesidades reais da veciñanza.
