A Fundación Juana de Vega e A Croa de Camariñas reforzan a súa colaboración para impulsar a xestión sostible do monte

O convenio inclúe unha achega de 15.000 euros e apoio técnico para mellorar a xestión forestal, previr incendios e conservar o patrimonio natural e cultural.

Camariñas, 29 de outubro de 2026. A Fundación Juana de Vega e a Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas reforzan a súa colaboración para avanzar na xestión sostible do monte e promover un aproveitamento ordenado dos recursos forestais. Ambas as entidades formalizaron un novo convenio que contempla unha achega económica de 15.000 euros, ademais do apoio do persoal técnico da Fundación.

O acordo, asinado polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e a presidenta de A Croa, Chus Castro Candal, dá continuidade ao traballo iniciado en 2025 e permitirá impulsar actuacións de mellora silvícola, recuperación de superficies forestais, prevención de incendios e conservación do patrimonio natural e cultural.

A sinatura celebrouse no Casino de Camariñas durante a charla informativa Traballar xuntos polo territorio: colaboración e apoio para a xestión do monte, organizada pola asociación e presentada polo xornalista e vogal da entidade Xusto López Carril.

Unha agrupación forestal de máis de 80 hectáreas

Un dos principais avances desta colaboración foi a creación dunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta que reúne máis de 80 hectáreas de superficie rexistrada, distribuídas en 630 parcelas forestais pertencentes a 60 titulares.

A agrupación continúa incorporando novos propietarios, nun proceso que require identificar as parcelas, aclarar as titularidades e resolver discrepancias catastrais. Neste labor, a Fundación Juana de Vega proporciona acompañamento e asesoramento técnico para facilitar a integración das propiedades e avanzar cara a unha xestión coordinada do territorio.

Este modelo de cooperación permite afrontar as dificultades derivadas do minifundismo forestal galego, favorecendo unha planificación conxunta e a elaboración de plans de ordenación forestal. Tamén abre a porta á implantación de sistemas de certificación forestal e ao desenvolvemento de actuacións destinadas a mellorar a produtividade, a conservación e o aproveitamento dos recursos do monte.

Cooperación para un monte máis resiliente

O convenio contempla, ademais, explorar novas oportunidades de aproveitamento dos recursos forestais, co obxectivo de mellorar a viabilidade económica e ambiental das superficies a longo prazo. A prevención de incendios e a recuperación forestal constitúen outras das liñas prioritarias de traballo, xunto coa protección dos valores naturais e culturais do territorio.

O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, destacou que «a experiencia de A Croa demostra o potencial da cooperación entre propietarios para facer viable a xestión de superficies forestais fragmentadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento no medio rural galego».

Con este acordo, ambas as entidades consolidan unha vía de colaboración orientada a mobilizar a propiedade forestal, mellorar a xestión do monte e contribuír á sustentabilidade ambiental e económica do rural galego.