A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Dodro aposta pola formación e a actualización do protocolo municipal

As entidades participantes acordaron impulsar a formación das persoas integrantes da Mesa e crear unha comisión técnica para revisar o protocolo municipal de actuación fronte á violencia de xénero ao longo de 2027.

Dodro, 27 de outubro de 2026. O salón de plenos da Casa do Concello de Dodro acolleu este martes a IV Xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero, unha reunión na que as entidades participantes acordaron reforzar a formación, mellorar a coordinación entre servizos e avanzar na actualización do protocolo municipal de actuación fronte á violencia de xénero, vixente desde 2013.

A sesión estivo presidida polo alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, e contou coa participación de representantes municipais, dos grupos políticos, dos Servizos Sociais, do Centro de Información ás Mulleres Terras de Iria, do Centro de Día de Dodro, de Andaina Prosaúde Mental e de AMIPA.

Un dos principais acordos da xuntanza foi o interese compartido por participar en 2027 no Programa da Xunta de Galicia para o impulso das Mesas Locais. Esta iniciativa permitirá reforzar os coñecementos das persoas integrantes, compartir criterios de intervención e mellorar a coordinación entre os distintos servizos, co obxectivo de ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades da cidadanía e, especialmente, das mulleres que precisen apoio e acompañamento.

Un novo impulso ao protocolo municipal

A actualización do Protocolo municipal de actuación fronte á violencia de xénero foi outro dos asuntos centrais da reunión. As entidades coincidiron na necesidade de revisar o documento, aprobado en 2013, para adaptalo á realidade actual do municipio, aos recursos dispoñibles e á normativa vixente.

Para avanzar neste proceso, acordaron constituír a comezos de 2027 unha comisión técnica integrada por persoas expertas dos distintos ámbitos de intervención. A comisión será a encargada de desenvolver ao longo dese ano os traballos de revisión e actualización do protocolo.

O proceso abordarase desde unha perspectiva interdisciplinar, co propósito de elaborar unha ferramenta útil e compartida que mellore a coordinación institucional e dea resposta ás necesidades reais das mulleres e da veciñanza de Dodro.

Balance das actuacións e novas colaboracións

Durante a xuntanza tamén se repasaron as iniciativas desenvolvidas nos últimos meses, entre elas o Fin de Semana de Mulleres de Dodro, a programación «Dodro con Orgullo» e o Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero para mulleres.

Ademais, destacouse a colaboración co Centro de Día a través do club de lectura, unha experiencia de traballo conxunto impulsada no marco da propia Mesa. A sesión serviu tamén para presentar a programación municipal con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

As entidades participantes compartiron, así mesmo, as actividades que desenvolven e exploraron novas vías de colaboración. Neste contexto, Andaina Prosaúde Mental presentou o seu programa anual, que combina atención individualizada con sesións grupais nas que se traballan cuestións como a autoestima, as relacións familiares e outros aspectos vinculados á igualdade. A entidade confirmou tamén a súa participación na lectura do manifesto do 25N.

Pola súa banda, o Centro de Información ás Mulleres Terras de Iria acordou colaborar co Centro de Día, Andaina e AMIPA na organización dun obradoiro sobre o machismo presente nas cancións. A actividade propón un percorrido pola historia da música, desde os temas de hai medio século ata o reggaeton actual, co obxectivo de analizar a evolución das mensaxes e identificar os estereotipos e as actitudes machistas que poden persistir nas letras.

As entidades manifestaron tamén o seu interese en organizar visitas conxuntas e guiadas á exposición «Express-Arte», integrada na programación do 25N.

O alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, salientou a importancia de consolidar este espazo de cooperación institucional: «O noso obxectivo é que esta Mesa sexa cada vez máis útil para a cidadanía, e para iso necesitamos contar coas ferramentas e cos coñecementos que nos permitan mellorar a coordinación e a resposta institucional».

A Área de Igualdade do Concello de Dodro conta co apoio da Deputación da Coruña, a través do Programa de subvencións a entidades locais para o financiamento de persoal técnico de igualdade de xénero e do FOAI 2026.