O BNG reclama á Xunta que garanta as paradas de autobús no interior da Ameixenda, en Cee

O deputado Oscar Insua leva ao Parlamento galego a demanda veciñal para que se cumpran as paradas previstas no Plan de Transporte Público e se garanta un servizo seguro e accesible.

Cee, 30 de outubro de 2026. O BNG, a través do deputado Oscar Insua, presentou varias iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta de Galiza que adopte as medidas necesarias para garantir que os autobuses das liñas interurbanas realicen as paradas previstas no interior do núcleo rural da Ameixenda, en Cee, tal e como recolle o Plan de Transporte Público de Galiza e as condicións do contrato concesional.

A formación nacionalista denuncia que, na actualidade, os autobuses das liñas que conectan Santiago de Compostela, Muros, Cee e Fisterra realizan a parada denominada Ameixenda II, situada fóra do núcleo de poboación, nas proximidades da estrada AC-550. Este punto carece de marquesiña e non reúne, segundo a veciñanza, as condicións adecuadas de seguridade e accesibilidade.

Esta situación obriga as persoas usuarias a desprazarse desde o núcleo rural ata a estrada para acceder ao transporte público, co risco e as dificultades que iso supón, especialmente para as persoas maiores, con mobilidade reducida ou que non dispoñen de vehículo particular.

O BNG lembra que o propio Plan de Transporte Público de Galiza contempla dúas paradas no interior da Ameixenda, denominadas A Ameixenda (As Lamas) e A Ameixenda (Igrexa), incluídas nas rutas entre o CEIP Vila de Cee e O Ézaro, así como na conexión entre Cee e O Ézaro. Porén, as liñas interurbanas que comunican a comarca con Santiago de Compostela, Muros e Fisterra non acceden a estas paradas, deixando a veciñanza sen un servizo próximo e adaptado ás súas necesidades.

A reivindicación vén de lonxe. A veciñanza da Ameixenda leva preto de dúas décadas reclamando unha solución e, o pasado mes de setembro, volveu mobilizarse para esixir unha resposta da Xunta, reunindo 425 sinaturas en defensa dun transporte público seguro e accesible.

O deputado do BNG Oscar Insua afirmou que “levamos ao Parlamento esta demanda da veciñanza da Ameixenda co obxectivo de buscar unha solución rápida, porque non é de recibo que leven anos sen recibir unha resposta da Xunta de Galiza para facer algo que parece sinxelo de resolver”.

Insua criticou tamén a xestión do transporte público por parte do Goberno galego e advertiu de que, nun contexto de encarecemento dos carburantes, cada vez máis persoas optan polo autobús para os seus desprazamentos. “A xente opta polo transporte público, pero a xestión do PP cos autobuses é unha desfeita, e aquí é o único medio que existe, por desgraza”, sinalou.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez, lembrou que a formación leva anos defendendo a necesidade de que os autobuses realicen o percorrido polo interior da Ameixenda e non deixen a veciñanza sen unha conexión axeitada con Cee e outras localidades da contorna.

“Estamos ante unha vella reivindicación, pois xa hai anos que puxemos enriba da mesa a necesidade de que o transporte público fixese o traxecto polo interior e non deixase a veciñanza sen a posibilidade de usar o bus para desprazarse a Cee ou a outras zonas da contorna”, afirmou Domínguez, quen celebrou a mobilización veciñal e destacou a importancia de trasladar esta problemática ao Parlamento galego.

O portavoz municipal tamén cuestionou os cambios realizados nas paradas previstas no servizo concesionado: “No concurso que gañou Monbus había unha parada marcada na Ameixenda, aínda que despois cambiaran sobre a marcha, co cal gañar un concurso e logo retocar as paradas non é de recibo”.

O BNG reclama así á Xunta que faga cumprir as condicións establecidas no Plan de Transporte Público de Galiza e no contrato concesional, garantindo que os autobuses accedan ás paradas de As Lamas e da Igrexa. A formación nacionalista considera que recuperar estas paradas é unha medida necesaria para asegurar o dereito da veciñanza da Ameixenda a contar cun transporte público próximo, seguro e accesible.