A Xunta ampliará a Rede Galega de Atención Temperá con cinco novas unidades

Os novos recursos poranse en marcha en Lugo, Ribadeo, Brión e en dúas agrupacións de concellos para reforzar a atención á infancia de ata seis anos

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2026.– A Xunta de Galicia ampliará a Rede Galega de Atención Temperá coa creación de cinco novas unidades nos concellos de Lugo, Ribadeo e Brión, así como nas agrupacións municipais de Viveiro, O Vicedo e Ourol, e de Celanova, Ramirás e Verea. A resolución da convocatoria de axudas para o mantemento e a creación destes recursos publícase este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O Goberno galego destinará máis de 17 millóns de euros, entre o que resta de 2026 e as anualidades de 2027 e 2028, ao financiamento destas actuacións. A convocatoria permitirá tanto poñer en marcha os novos servizos como garantir a continuidade das unidades que xa están en funcionamento.

A atención temperá é un servizo público gratuíto dirixido ás familias con nenas e nenos de ata seis anos. O seu obxectivo é previr, detectar e intervir ante posibles dificultades no desenvolvemento infantil, mediante unha atención especializada adaptada ás necesidades de cada menor e do seu contorno familiar.

Na actualidade, Galicia conta con máis de 50 recursos deste tipo, que dan cobertura a arredor de 200 concellos e atenden máis de 6.000 menores. Coa incorporación das novas unidades, a Administración autonómica busca ampliar a cobertura territorial e facilitar o acceso das familias a estes servizos.

Esta liña de axudas está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.