
A conselleira pon en valor a iniciativa de Apramp e a firma galega Coosy, que combina moda e reinserción social.
– Lembra que a normativa galega en materia de violencia de xénero garante ás vítimas de trata a mesma protección e acceso aos recursos que ao resto de mulleres vítimas desta violencia.
*Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026.-* A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia de dar voz ás mulleres vítimas de trata e explotación sexual para visibilizar a súa realidade e avanzar na prevención e na sensibilización social.
Fíxoo durante a súa visita á exposición de vestidos confeccionados por mulleres vítimas de explotación sexual, unha iniciativa impulsada pola Asociación para a Prevención, Reinserción e Atención á Muller Prostituída (Apramp) en colaboración coa firma galega de moda Coosy, que se pode visitar na sede de Afundación.
Durante o percorrido, Ángeles Vázquez coñeceu as historias das mulleres que deseñaron cada unha das pezas. Os vestidos incorporan códigos QR que permiten escoitar os seus testemuños en primeira persoa, achegando así á cidadanía as súas experiencias e contribuíndo a dar visibilidade a unha realidade que adoita permanecer oculta.
A conselleira puxo en valor o labor de Apramp e a colaboración con empresas do sector téxtil como Coosy, que ofrecen ás mulleres novas oportunidades para reconstruír os seus proxectos vitais. Neste sentido, salientou que esta iniciativa lles permite «refacer, puntada a puntada, as súas vidas», ao tempo que transforma as súas creacións en pezas de alta costura.
Así mesmo, incidiu na importancia da colaboración entre institucións e entidades sociais e empresariais para favorecer a recuperación integral das vítimas, facilitar a súa inclusión e avanzar na loita contra a explotación sexual.
Por último, Ángeles Vázquez lembrou que a normativa galega en materia de violencia de xénero recoñece ás mulleres vítimas de trata e explotación sexual a mesma protección que ao resto das vítimas desta violencia. Deste xeito, teñen dereito a acceder ás prestacións, medidas e recursos habilitados pola Xunta de Galicia.
