
Arturo Parrado participou na apertura da décima edición dos Encontros para o Emprego, organizados por Acción contra el Hambre na Cidade da Cultura*
*Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026.*– O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá na apertura da décima edición dos Encontros para o Emprego, organizados pola fundación Acción contra el Hambre na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Durante o acto, destacou o papel do emprego como unha ferramenta esencial para favorecer a inclusión social e avanzar cara á autonomía das persoas en situación de vulnerabilidade.
Parrado puxo en valor a importancia de crear espazos de encontro entre as persoas desempregadas ou en risco de exclusión social, o tecido empresarial e as institucións, co obxectivo de facilitar oportunidades laborais e promover a igualdade de oportunidades. Así mesmo, agradeceu a implicación das empresas e entidades participantes no compromiso coa mellora da calidade de vida destes colectivos.
Nesta edición participaron máis dun cento de persoas en situación de risco de exclusión social e arredor de quince empresas e entidades de referencia en Galicia, nunha xornada destinada a favorecer o contacto directo, o intercambio de experiencias e a creación de oportunidades de inserción laboral.
O director xeral lembrou tamén a colaboración da Xunta de Galicia con programas de inserción sociolaboral como os desenvolvidos por Acción contra el Hambre. Estas iniciativas están orientadas a reforzar as habilidades sociais e as competencias básicas necesarias para acceder ao mercado laboral das persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión social.
Neste sentido, Parrado incidiu en que o acceso ao emprego constitúe un paso fundamental para que as persoas poidan acadar unha maior autonomía persoal, mellorar as súas condicións de vida e avanzar cara á súa plena inclusión na sociedade.
