Seis centros educativos galegos disputan a final do concurso «Ciberseguridade no cole!» de Telefónica

Seis centros educativos galegos participan na final da VI edición do concurso «Ciberseguridade no cole!», organizado por Telefónica para promover o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías entre os escolares de Galicia. A competición celébrase na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, no marco do VI Encontro Ciber.gal.

Os centros clasificados distribúense en dúas categorías. En Primaria competirán o CPR Los Sauces, de Pontevedra; o CPR San Pío X, de Ourense; e o CEIP Bibei, de Viana do Bolo. Na categoría de Secundaria participarán o CPR La Merced, de Sarria; o IES Plurilingüe Rafael Dieste, da Coruña; e o CPR Plurilingüe Calasancias, tamén da cidade herculina.

A final consistirá nunha proba de preguntas e respostas contrarreloxo. Cada categoría contará cun equipo integrado por seis estudantes, dous de cada centro finalista, que deberán colaborar para resolver un reto de ciberseguridade a través de seis preguntas. Os participantes disporán de dous comodíns: un coa axuda do público e outro coa colaboración do profesorado.

O traballo en equipo e a toma de decisións consensuada serán fundamentais para superar as probas. Os tres colexios participantes de cada categoría compartirán o mesmo premio, composto por materiais formativos, didácticos e relacionados coa ciberseguridade.

A entrega dos premios correrá a cargo de Damián Rey, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); Adrián Lence, director da Área de Infraestruturas e Seguridade do organismo; e Gustavo Herva, xefe de subárea de Seguridade. O encontro será clausurado por Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia.

## Máis de 4.500 escolares participantes

Nesta sexta edición participaron máis de 4.500 alumnos e alumnas, distribuídos en 167 clases de 65 centros educativos galegos. A iniciativa está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos.

Desde a súa posta en marcha en 2021, preto de 25.500 estudantes participaron xa en «Ciberseguridade no cole!», unha proposta que combina aprendizaxe e entretemento para achegar aos máis novos os principais riscos do contorno dixital e ensinarlles a previlos mediante boas prácticas.

## A arte tamén se suma á concienciación dixital

O evento contará tamén coa presenza dos centros CPR Plurilingüe Bayón, de Ribeira, e CPR Plurilingüe Losada, de Vigo, gañadores da primeira edición de «Debuxando no cole!».

Esta nova iniciativa emprega a expresión artística como ferramenta para achegar a ciberseguridade ao alumnado de 3º e 4º de Primaria. Nesta primeira edición, o proxecto centrou a súa temática nas profesións vinculadas ao ámbito da ciberseguridade.

Con ambas as propostas, Telefónica reforza o seu compromiso coa educación dixital e coa concienciación dos máis novos, impulsando unha cultura de prevención e un uso seguro e responsable da tecnoloxía desde o ámbito escolar.