Condenada a dous anos e medio de cárcere por converter as contas dunha asesoría da Pobra na súa caixa persoal

Desviou case 37.000 euros durante cinco anos para pagar compras, roupa, xoguetes e ata unha multa do seu marido. Tamén falsificou a sinatura da súa socia para contratar un crédito de 9.000 euros.

O diñeiro da empresa pagaba supermercados, reparacións de coches, roupa, xoguetes e mesmo gastos familiares. Unha das propietarias dunha asesoría da Pobra utilizou durante cinco anos as contas do negocio como se fosen propias, ata desviar case 37.000 euros.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar a súa condena a dous anos e medio de prisión. Entre 2015 e 2020, realizou retiradas de efectivo, transferencias ás súas contas e compras persoais coas tarxetas da empresa, sen coñecemento nin autorización da súa socia.

A operación máis grave chegou en maio de 2020, cando contratou unha póliza de crédito de 9.000 euros co Banco Santander falsificando a sinatura da outra propietaria, que quedou inicialmente vinculada á débeda.

As dúas mulleres compartían a asesoría ao 50 %. A condenada encargábase da contabilidade, os pagamentos e os ingresos, polo que era a única que operaba coa banca electrónica. A súa socia, avogada, asumía os asuntos xurídicos.

A resolución do TSXG confirma a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago.