
O Concello continúa estendendo este servizo esencial ás parroquias rurais, dando continuidade ás actuacións realizadas recentemente en Riotorto.
O Concello de Ponteceso vén de iniciar unha nova actuación para ampliar a rede municipal de abastecemento de auga na Ourada, situada na parroquia de Cores. Esta intervención enmárcase na planificación municipal para estender progresivamente este servizo básico a un maior número de núcleos de poboación do municipio.
Os traballos na Ourada dan continuidade ás actuacións realizadas recentemente en Riotorto, dentro da folla de ruta municipal para mellorar as infraestruturas hidráulicas e facilitar o acceso á rede de abastecemento ás diferentes aldeas de Ponteceso.
O obxectivo destas intervencións é avanzar na dotación de servizos básicos no rural, contribuíndo a mellorar as condicións de vida da veciñanza e a garantir un acceso máis amplo a un recurso esencial como é a auga.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia de continuar achegando os servizos públicos ás distintas parroquias e núcleos rurais do municipio. Neste sentido, incidiu na necesidade de seguir mellorando as infraestruturas municipais e avanzar cara a unha maior igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, con independencia do lugar no que resida.
Con esta nova intervención na parroquia de Cores, o Concello mantén a súa aposta pola ampliación progresiva da rede municipal de abastecemento, dando continuidade aos investimentos destinados a mellorar os servizos e as infraestruturas no conxunto do territorio municipal.



