O Concello de Teo remata o asfaltado dun tramo de case 500 metros no lugar de Paredes, en Lucí

O Concello de Teo vén de finalizar as obras de mellora do firme no lugar de Paredes, na parroquia de Lucí, onde se acondicionou un tramo viario de case 500 metros de lonxitude co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria.

A actuación permitiu aglomerar unha superficie total de 1.490 metros cadrados. Os traballos incluíron tamén a elevación das tapas de rexistro ata a cota definitiva do novo pavimento, así como a correspondente sinalización vertical e horizontal da vía.

Con esta intervención, o goberno municipal que encabeza a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, busca mellorar as condicións de circulación neste núcleo rural e facilitar tanto o acceso ás vivendas como os desprazamentos diarios da veciñanza.

A obra foi financiada integramente con fondos propios do Concello de Teo, que asumiu o custo dos traballos para levar a cabo esta mellora na rede viaria municipal.