
Veciños e veciñas de Touro e O Pino denuncian a falta de transparencia da Xunta na tramitación do proxecto mineiro e a ausencia de resposta ás súas reclamacións.
En xaneiro de 2025 presentaron alegacións e solicitaron ser recoñecidos como parte interesada para poder acceder ás modificacións do proxecto e aos informes sectoriais. Porén, moitas peticións quedaron sen contestación e outras foron denegadas pola Delegación Provincial da Consellería de Economía e Industria en xuño e xullo de 2026, máis dun ano despois.
Tras presentar os correspondentes recursos de alzada, os afectados aseguran que transcorreron os tres meses de prazo sen recibir resposta, polo que consideran que se lles está obrigando a acudir aos tribunais para defender os seus dereitos.
«Isto é gobernar para o pobo ou para a mineira?», preguntan os veciños, que reclaman transparencia e acceso á documentación dun proxecto que afecta directamente ao seu territorio.
Os afectados cuestionan tamén se detrás deste silencio administrativo existe algunha decisión xa tomada sobre o futuro do proxecto mineiro.
