Milleiros de persoas saen ás rúas de Galicia na folga xeral para reclamar o dereito á vivenda

A Coruña, Santiago e Ferrol acolleron importantes mobilizacións nunha xornada marcada polas reivindicacións sociais e sindicais.

Milleiros de persoas manifestáronse este mércores en distintas cidades galegas con motivo da folga xeral para reclamar solucións á crise da vivenda e defender os dereitos sociais e laborais.

Na Coruña, o centro da cidade acolleu tres mobilizacións. A primeira, convocada pola CIG, partiu da praza de Vigo antes das 12.00 horas e percorreu Linares Rivas, Sánchez Bregua e os Cantóns ata os xardíns de Méndez Núñez. Ao mesmo tempo, UGT e Comisións Obreiras organizaron outra marcha desde a praza da Palloza ata a Delegación do Goberno.

As protestas estiveron acompañadas de consignas como «A nosa vivenda é un dereito!» e «A solución, expropiación!». As mobilizacións provocaron cortes de tráfico e o peche de numerosos comercios, pero transcorreron sen incidentes.

Ás 18.00 horas celebrouse unha terceira manifestación, de carácter unitario e máis multitudinaria, que partiu da avenida de Fisterra coa rolda de Outeiro e rematou na praza de Tabacos.

Santiago de Compostela e Ferrol tamén foron escenario de protestas, nunha xornada de mobilización en toda Galicia coa vivenda como principal eixo das reivindicacións.