Padrón recibe o máximo recoñecemento estatal como Pobo Máxico do Ano 2027

O municipio padronés acada a máxima distinción dos Premios Nacionais de Pueblos Mágicos de España, dous anos despois de ser elixido Pobo Máxico de Galicia

Padrón acaba de situarse no máis alto do recoñecemento turístico estatal ao ser distinguido como Pobo Máxico do Ano 2027, a máxima categoría dos Premios Nacionais que concede a rede Pueblos Mágicos de España. Un galardón que recoñece o traballo desenvolvido polo municipio na promoción do seu patrimonio, a súa identidade cultural e os seus recursos turísticos, así como a implicación do Concello e do tecido empresarial local na mellora da oferta destinada aos visitantes.

O recoñecemento chega despois de que Padrón fose elixido Pobo Máxico de Galicia en 2025 e de que acollera o pasado mes de outubro o VI Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España, dous fitos que reforzaron a súa posición dentro desta rede de promoción turística e territorial.

O alcalde, Anxo Arca, amosou a súa satisfacción pola concesión dun premio que, segundo sinalou, «evidencia o enorme peso e proxección do noso atractivo turístico e o empeño do Concello e do noso sector servizos por ofrecer unha oferta turística de enorme calidade, que cada vez é máis coñecida en España e no mundo».

O rexedor considera que esta distinción supón tamén un respaldo ao traballo realizado para destacar os elementos que fan de Padrón un destino singular, desde a súa historia e patrimonio ata a cultura, as tradicións, a gastronomía, a paisaxe e as persoas que dan vida ao municipio.

Da distinción galega á máxima categoría estatal

Padrón incorporouse á rede Pueblos Mágicos de España en novembro de 2024, converténdose na primeira localidade da provincia da Coruña en obter este selo de promoción turística. Apenas un ano despois, recibiu o recoñecemento como Pobo Máxico de Galicia 2025, un éxito ao que agora suma a máxima distinción estatal.

Os Premios Nacionais 2027 valoran diferentes aspectos dos municipios participantes, entre eles a conservación e posta en valor do patrimonio histórico e natural, a xestión turística, a participación do sector servizos, a innovación e a comunicación.

As votacións permaneceron abertas ata o 13 de novembro ás 23.59 horas e a organización fixo públicos os resultados este luns, 16 de novembro.

Desde o Concello agradeceron o apoio da veciñanza, dos establecementos turísticos, asociacións, colectivos, centros educativos e profesionais que contribuíron á promoción da candidatura. Arca quixo destacar especialmente o labor da Concellería de Turismo e Festexos, dirixida por Chus Campos, así como a implicación do técnico municipal de Turismo, Alberto Rey.

Arjonilla, tamén entre os municipios distinguidos

O alcalde padronés aproveitou o anuncio para trasladar os seus parabéns a Arjonilla, municipio irmán de Padrón que nesta edición foi recoñecido como Pobo Máxico de Andalucía 2027.

Arca puxo en valor o traballo desenvolvido pola súa Concellería de Turismo e Cultura, así como a promoción dos seus recursos culturais e a hospitalidade coa que recibe os visitantes.

«Padrón e Arjonilla camiñan e melloran xuntos, compartindo experiencias e acadando cada vez maior recoñecemento e proxección», afirmou o rexedor, que considera que a colaboración entre ambos os municipios é unha vía para seguir avanzando e gañando visibilidade.

Un impulso á promoción turística

A designación como Pobo Máxico do Ano 2027 abre unha nova oportunidade para reforzar a proxección exterior de Padrón e impulsar a difusión dos seus atractivos culturais, naturais, gastronómicos e patrimoniais.

O Concello aposta por aproveitar este distintivo para fortalecer a colaboración co comercio, a hostalaría e o sector turístico, ao tempo que continúa traballando nun modelo que combine a conservación da identidade local coa captación de novos visitantes.

«Este premio non é un punto de chegada, senón un estímulo para continuar traballando e amosando todo o que Padrón pode ofrecer», concluíu Anxo Arca.