
O certame desenvolverase durante as fins de semana do 20 ao 22 e do 27 ao 29 de novembro e permitirá ao público elixir as tres tapas gañadoras e participar no sorteo de tres vales de 100 euros.
ROIS, 16 de novembro de 2026. O municipio de Rois prepárase para vivir dúas fins de semana arredor da gastronomía coa celebración do II Concurso de Tapas ‘Rois nun bocado!’, unha iniciativa na que participarán oito establecementos hostaleiros con propostas culinarias que se poderán degustar por dous euros.
O certame terá lugar os días 20, 21 e 22 e 27, 28 e 29 de novembro, cunha oferta que combina produtos locais, receitas tradicionais e elaboracións creativas. O obxectivo é dinamizar a hostalería do municipio, promover a gastronomía de proximidade e animar a veciñanza e ás persoas visitantes a percorrer os distintos locais participantes.
A presentación oficial celebrouse o pasado venres, 13 de novembro, na terraza exterior da Taberna Angueira, establecemento gañador da primeira edición. No acto participou a concelleira de Cultura, Educación e Lingua, Victoria Quiroga, acompañada polos concelleiros José Luis Ares e Mercedes Basante, así como por representantes dos negocios participantes.
Quiroga destacou a importancia desta iniciativa para «dinamizar o noso concello, apoiar a hostalería local e poñer en valor a excelencia dos nosos produtos». Ademais, agradeceu a implicación dos oito establecementos e animou a participar nunha proposta que contribúe á promoción da cociña local e á actividade económica de Rois.
A presentación contou tamén coa actuación das pandeireteiras da Asociación Cultural Xacarandaina, coa colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña, que puxeron a nota musical tradicional ao encontro.
Oito propostas para descubrir os sabores de Rois
A segunda edición do concurso reúne oito tapas con ingredientes e elaboracións moi diferentes. A Taberna Angueira, gañadora do pasado ano, presenta ‘A Perla do Sar’, un timbal cremoso de polbo e horta.
O Restaurante Casa Benjamín participa con ‘Cuncha de ouro’, unha elaboración de ovo con xamón e bechamel suave, mentres que a Casa Rural Fogar do Selmo aposta polo sabor tradicional cun bolo preñado con chourizo de porco celta.
Pola súa banda, o Café-Bar A de Marga ofrecerá unha ensaladilla de gamba ao allo e o Café-Bar Malecón concorrerá con ‘Caldeiro’, unha proposta de porco ao viño tinto con crema de pataca e cebola.
A Taberna O Pemento presenta ‘Tentación pemento rosa’, unha tapa de polbo á feira con cachelo, salsa rosa e pemento do piquillo. No Bar Muelle Rois poderá degustarse ‘Bocado de mar e terra sobre cremoso de coliflor’, unha vieira á prancha con panceta ibérica.
Completa a oferta o Restaurante Val de Rois, coa súa ‘Bendita cazoliña’, elaborada con xarrete guisado e puré de pataca ao parmesano.
Os horarios de degustación variarán segundo cada establecemento, polo que se recomenda consultar a programación específica antes de realizar o percorrido.
O público elixirá as tapas gañadoras
A votación estará nas mans das persoas participantes, que decidirán os tres establecementos premiados. O primeiro clasificado recibirá 300 euros; o segundo, 250 euros, e o terceiro, 150 euros, ademais das correspondentes placas acreditativas.
Para que o voto sexa válido, será necesario degustar tapas en polo menos tres establecementos diferentes e visitar as dúas zonas nas que se organiza o concurso: a zona 1, integrada por Urdilde e Augasantas, e a zona 2, que comprende Oín, Rois, Seira e Sorribas.
As persoas participantes deberán solicitar o selo correspondente en cada local no tríptico oficial do concurso, dispoñible nos propios establecementos. Unha vez reunidos os selos, deberán cubrir os seus datos persoais e indicar a tapa favorita, que terá que pertencer a un dos negocios nos que se realizou a degustación.
Os trípticos completos poderán depositarse nas urnas habilitadas nos locais participantes.
Tres vales de 100 euros como incentivo para participar
Como novidade nesta segunda edición, o concurso amplía a participación ás persoas que teñan ou cumpran seis anos durante 2026. Todas aquelas que completen correctamente o tríptico poderán entrar no sorteo de tres vales de 100 euros cada un para consumir nos establecementos participantes.
Os vales poderán utilizarse ata o 1 de marzo de 2027. No caso de que resulte premiada unha persoa menor de idade, o premio emitirase a nome da súa nai, pai ou persoa titora.
Con esta segunda edición de ‘Rois nun bocado!’, o Concello busca consolidar unha cita gastronómica que, ademais de poñer en valor a creatividade da hostalería local, convida a descubrir os diferentes lugares do municipio a través da súa cociña.

