A Plataforma de Afectados polo INSS alerta das novas medidas sobre as baixas médicas en Galicia

A Plataforma de Afectados polo INSS amosou a súa preocupación polo Plan de benestar laboral 2026-2029 impulsado pola Xunta, ao considerar que pode aumentar a presión sobre os traballadores que se atopan de baixa médica e favorecer o papel das mutuas.

O plan, aprobado cunha dotación de 45 millóns de euros, contempla a creación de 14 unidades especializadas para atender patoloxías como lumbalxias, contracturas cervicais, depresión e ansiedade. Tamén prevé facilitar as solicitudes de probas médicas por parte das mutuas e crear a figura dun coordinador de reincorporación laboral a partir de 2027.

A plataforma denuncia un posible trato desigual entre os traballadores de baixa e outras persoas que padecen as mesmas doenzas, pero deben agardar nas listas ordinarias do Sergas.

Ademais, cuestiona as propostas trasladadas ao Goberno central para reducir as baixas de máis de 365 días e adiantar as valoracións do INSS.

A organización considera que as baixas prolongadas están relacionadas, en moitos casos, coas listas de espera e coa saturación da sanidade pública, e reclama que a recuperación dos pacientes estea por riba das necesidades de reincorporación laboral.