
O Concello de Outes continúa coa programación cultural de Outes a Escena coa representación de «VITÓRIA», unha proposta de teatro autobiográfico protagonizada e creada pola actriz Iria Pinheiro, que chegará á Casa da Cultura de Outes o vindeiro sábado 28 de novembro, ás 20:00 horas.
A obra aborda unha historia persoal e xudicial marcada pola loita contra o acoso sexual no ámbito laboral. A través dunha proposta escénica que combina teatro documental, humor e ironía, Iria Pinheiro reconstrúe o proceso xudicial iniciado tras presentar unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba.
A peza percorre os acontecementos comprendidos entre 2017 e 2023, intercalando documentación xudicial e elementos propios do cabaré para ofrecer unha reflexión sobre a violencia sexual, os mecanismos de xustiza e as dificultades que afrontan as vítimas cando deciden denunciar.
A representación está dirixida ao público adulto e recoméndase puntualidade, xa que, unha vez comezada a función, non se permitirá o acceso á sala.
A entrada será gratuíta e poderá retirarse a través da plataforma bandoticket.com ou, a partir do luns, na Casa da Cultura de Outes.
Esta proposta forma parte da programación incluída no Bono Xeral de Outes a Escena, coa que o Concello continúa apostando por unha oferta cultural diversa e por achegar ao público espectáculos que combinan creación artística, reflexión e compromiso social.
