A voceira do Partido Popular cuestionou as contas municipais con datos e argumentos, mentres o goberno de Alberto Romar sacou adiante os orzamentos de 2026 tras desestimar as dúas alegacións presentadas pola oposición.
O pleno do Concello de Santa Comba deixou este mércores unha sesión breve, de apenas doce minutos, pero marcada pola confrontación política e polas críticas á xestión do goberno socialista. O resultado foi a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de 2026, cos votos favorables do PSOE e o voto en contra do Partido Popular.
Un dos momentos máis destacados da sesión foi a intervención de María Pose, voceira do PP e exalcaldesa de Santa Comba, que levou ao debate cifras, datos e argumentos para cuestionar o documento económico presentado polo executivo local.
Pose exerceu o seu labor de oposición poñendo o foco nos aspectos que considera máis discutibles das contas municipais e reclamando explicacións ao goberno. Unha intervención na que expuxo os argumentos do Partido Popular fronte á proposta económica do alcalde, Alberto Romar.
**O PSOE impón a súa maioría**
As dúas alegacións presentadas contra os orzamentos foron desestimadas e as contas quedaron aprobadas definitivamente grazas á maioría plenaria do PSOE e co respaldo do informe de Intervención.
Deste xeito, o goberno municipal conseguiu sacar adiante o seu proxecto económico malia o rexeitamento da oposición e as cuestións expostas durante o debate por María Pose.
**Faro da Costa lembra a polémica das seis actividades económicas do alcalde**
Faro da Costa quere lembrar unha cuestión que segue merecendo explicacións públicas: o alcalde de Santa Comba mantén a súa dedicación exclusiva á Alcaldía mentres figura con seis actividades económicas.
Unha situación que chama especialmente a atención e na que tamén está presente o papel do interventor municipal, cuxo criterio permitiu esta situación. Desde Faro da Costa consideramos que é un asunto que merece transparencia e explicacións claras á veciñanza.
**Un final de pleno marcado pola polémica**
A tensión tamén estivo presente no tramo final da sesión. Segundo o que podemos apreciar no vídeo , o alcalde negouse a concederlle novamente a palabra a María Pose, impedíndolle realizar unha última intervención.
Un episodio que engadiu polémica a un pleno no que a voceira popular asumiu o protagonismo da fiscalización política do goberno municipal.
Doce minutos abondaron para aprobar os orzamentos de 2026, pero tamén para evidenciar o desacordo entre o PSOE e o PP sobre a xestión municipal. María Pose volveu exercer como principal voz crítica da oposición, reclamando explicacións e cuestionando unhas contas que finalmente saíron adiante pola maioría socialista.
