


Roberto Barba destaca o papel dos medios de comunicación e das redes sociais na loita contra as violencias dixitais
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026. O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, defendeu esta mañá a sensibilización colectiva como unha ferramenta fundamental para a detección e prevención da violencia de xénero, especialmente no ámbito dixital. Neste sentido, destacou o papel dos medios de comunicación e das redes sociais para concienciar a cidadanía e dotala de recursos que permitan identificar e combater estas formas de violencia.
Barba realizou estas declaracións durante a súa participación na xornada A violencia de xénero virtual, un desafío para a igualdade, celebrada no marco do Congreso de Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero.
Durante o encontro, o director xeral salientou a importancia da implicación dos profesionais da comunicación na difusión de información e ferramentas que contribúan a frear as violencias dixitais. Segundo indicou, o seu labor resulta esencial para trasladar esta mensaxe á sociedade e chegar «ás casas de todos os galegos».
Así mesmo, agradeceu a participación dos profesionais e expertos reunidos no Congreso, que permite promover un diálogo aberto sobre as medidas necesarias para avanzar na prevención, detección e sensibilización fronte á violencia de xénero, así como favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos que contribúan a seguir mellorando a resposta ante esta problemática.
Barba lembrou tamén que a futura Lei integral de medidas contra o acoso e a violencia dixital da Xunta, que segundo destacou será a primeira destas características en España e Europa, foi elaborada contando co consenso do tecido asociativo, dos profesionais e das entidades implicadas. Este proceso de participación, apuntou, permitirá conformar un marco normativo sólido e eficaz para facer fronte ás violencias dixitais.
