Veciños de Sanamede do Monte denuncian presións e rexeitan a poligonal do parque eólico de Troitomil

A veciñanza de Sanamede do Monte, no concello da Baña, expresa o seu profundo malestar polas chamadas telefónicas e as visitas a domicilio para solicitar datos doutros veciños. Consideran estas prácticas unha presión inaceptable e reiteran a súa oposición ao proxecto eólico de Troitomil.

Os veciños de Sanamede do Monte, no municipio da Baña, denuncian o que consideran unha situación de acoso por parte de persoas que están acudindo ás súas vivendas e chamando aos seus teléfonos particulares para solicitar información e datos doutros residentes na zona.

A indignación veciñal vai en aumento ante unhas actuacións que, segundo trasladan os afectados, están a xerar malestar e preocupación entre a poboación.

«Que veñan á porta da nosa casa pedir datos doutros veciños é acoso. Que nos chamen aos nosos teléfonos para pedir información sobre outras persoas tamén é acoso», denuncian desde a veciñanza.

Estas prácticas prodúcense nun contexto de forte oposición social ao proxecto do parque eólico de Troitomil, especialmente á poligonal prevista, que os residentes consideran unha ameaza para a súa contorna, as súas vivendas e os recursos hídricos da zona.

A mensaxe dos veciños é clara e contundente: **non queren a poligonal do parque eólico de Troitomil por riba das súas casas nin aeroxeradores que poidan afectar as augas da zona.**

«Que parte de que non queremos este proxecto non entenderon?», cuestionan, amosando o seu rexeitamento a unhas actuacións que consideran contrarias á vontade da poboación afectada.

A veciñanza tamén lanza unha mensaxe directa a Green Capital Power, empresa promotora do proxecto, reclamando que abandone a iniciativa e regrese a Madrid.

O malestar culmina cunha reivindicación firme: **Sanamede do Monte quere ser escoitado. Os seus veciños reclaman respecto, que se deixe de solicitar información persoal sobre terceiros e que se teña en conta a oposición social ao parque eólico de Troitomil.**

A mensaxe final da veciñanza non deixa lugar a dúbidas: «Green Capital Power, volvede para Madrid. E os vosos servidores, que vaian detrás!»