
A Asociación de Veciños do Ventorrillo presenta unha reclamación urxente ao Concello da Coruña ante o perigo que supón unha farola situada no número 2 desta rúa.
A Asociación de Veciños do Ventorrillo alerta do perigo que representa o estado dunha farola situada na rúa Salorio Suárez, número 2, na Coruña, ante o risco de que poida caer e causar danos ás persoas que circulan pola zona.
A entidade veciñal vén de trasladar ao Concello unha reclamación con carácter urxente para que se inspeccione e se adopten, coa maior brevidade posible, as medidas necesarias para evitar un posible accidente.
Desde a Asociación advirten de que esta situación non debe ser ignorada, xa que unha eventual caída da instalación podería ter consecuencias graves para os peóns e os residentes da contorna.
Os representantes veciñais reclaman unha actuación inmediata dos servizos municipais para asegurar a farola ou proceder á súa reparación ou retirada, evitando así que o problema poida acabar converténdose nunha situación de maior gravidade.
**«Non podemos esperar a que caia e provoque unha desgraza para actuar. A seguridade dos veciños e veciñas debe estar por riba de todo», sinalan desde a Asociación.**
A Asociación de Veciños do Ventorrillo agarda que o Concello dea resposta a esta reclamación e interveña sen demora.
A prevención tamén é unha responsabilidade municipal.
