Os representantes do EPIA da Laracha participan no XIV Foro Infantil de UNICEF no Parlamento de Galicia

Sete membros do EPIA (Espazo de Participación Infantil e Adolescente) ‘Os castrexes de Mentes Claras’ representaron este xoves ao Concello da Laracha no XIV Foro Infantil de UNICEF, celebrado no Parlamento de Galicia coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Infancia.

O encontro reuniu representantes da infancia de diferentes localidades galegas nunha xornada dedicada a compartir propostas, reflexionar sobre os dereitos dos nenos e nenas e reivindicar o seu papel activo na sociedade.

Durante o foro, os participantes tiveron a oportunidade de expresar as súas opinións, trasladar as súas inquietudes e facer visible a importancia de que a infancia sexa escoitada e tida en conta nas decisións que afectan ao seu presente e ao seu futuro.

A presenza dos representantes laracheses nesta iniciativa reafirma o compromiso municipal coa participación infantil e adolescente, promovendo espazos nos que os máis novos poidan exercer o seu dereito a opinar, contribuír e implicarse na vida pública.

A celebración do Día Mundial da Infancia lembra, precisamente, a necesidade de garantir os dereitos de todos os nenos e nenas e de ofrecerlles o protagonismo que merecen como cidadáns de pleno dereito.