Santa Comba celebrará o I Certame de Regueifa «O Atrevido de Grixoa» o vindeiro 28 de novembro

Santa Comba acollerá o vindeiro sábado, 28 de novembro, o I Certame de Regueifa «O Atrevido de Grixoa», unha iniciativa dedicada á tradición oral, á música popular e ao folclore galego.

O encontro terá lugar a partir das 17.00 horas no Auditorio do Multiusos de Santa Comba e reunirá diferentes artistas e agrupacións vinculadas á cultura tradicional galega.

O cartel contará coa participación dos regueifeiros Suso e Antonio, de Xornes; Yésica Nantón, de San Cristovo de Mallón; e Liñares, de Carballo. Tamén actuarán as pandeireteiras María de Mourelle, de Boaña, e As Lerchas, de Agualada; os Gaiteiros da Baña e compoñentes de Axio Mouro, de Santa Comba, que achegarán a música e o baile tradicional.

A programación completarase coa actuación de Acordeóns Alborada, de Val do Dubra e Santa Comba, e coa participación de Mini Rivas, intérprete, cantautor e compositor de Boimorto.

A presentación correrá a cargo de Alejandra Plaza, mentres que o apartado cultural contará coa intervención de Xosé Henrique Costas, lingüista e catedrático de Filoloxía Galega.

O certame está organizado pola Asociación Veciñal de Grixoa de Esternande-Minas de Varilongo, coa colaboración da Asociación ORAL de Galicia, co obxectivo de poñer en valor a regueifa e manter viva a riqueza da tradición oral e musical galega.

A cita pretende converterse nunha tarde de encontro arredor das coplas, o enxeño e as expresións máis representativas da cultura popular.