O Club 600 de Galicia celebra o seu tradicional cocido de fin de tempada cunha visita moi especial en Arzúa

O Club 600 de Galicia celebrou o seu tradicional cocido de fin de tempada cunha xornada de convivencia que combinou automobilismo, cultura, gastronomía e amizade.

Nesta ocasión, os integrantes do club desprazáronse ata O Rial, na parroquia de Pantiñobre, no concello de Arzúa, para visitar o taller e a exposición de Agustín Villar, carpinteiro e escultor autodidacta. Alí tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o seu singular traballo, no que destaca especialmente unha das súas creacións máis emblemáticas: un Seat 600 de madeira de piñeiro, construído a escala real e equipado con motor, caixa de cambios, luces e todos os elementos necesarios para poder circular.

Agustín Villar e a súa familia recibiron o grupo con moito agarimo, facendo da visita unha experiencia moi agradable e especial para os afeccionados aos vehículos clásicos.

Tras esta primeira parada, a expedición continuou o seu percorrido cunha viaxe por estrada de aproximadamente unha hora ata Baamonde, na provincia de Lugo, realizando antes unha parada en Sobrado dos Monxes para gozar dun aperitivo.

A xornada rematou arredor da mesa no restaurante A Casa do Labrego, onde os participantes desfrutaron do tradicional cocido e do xa habitual sorteo de cestas de Nadal, poñendo así o broche de ouro a unha nova edición desta celebración.

Un encontro no que o Club 600 de Galicia volveu demostrar que a súa paixón polos vehículos clásicos vai moito máis alá dos automóbiles: tamén é unha oportunidade para compartir experiencias, descubrir auténticas obras artesanais e manter viva a amizade entre os seus membros.