
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde a gala de entrega de premios da sétima edición do certame **Galetiktokers 2026**, unha iniciativa que busca impulsar o uso da lingua galega entre a mocidade a través das redes sociais e da creación audiovisual.
Nesta edición resultaron premiados seis vídeos que destacan pola súa orixinalidade, creatividade e capacidade para achegar o galego a novos públicos:
– «E se os ailalá xa os cantasen os árabes?»
– «A microtoponimia».
– «As bolboretas xogan con ilusións ópticas cando voan».
– «Dirección xeral do running».
– «Ás veces eu esquezo».
– «Profesora de galego (onte, hoxe e mañá)».
A gala estivo presentada por Paula Cantelar e David Ramos e contou coa actuación musical en directo de Xmaseda65, nunha celebración que combinou cultura, humor e música.
O certame rexistrou nesta sétima edición a participación de **78 mozos e mozas de Ames e doutras localidades galegas**, que presentaron un total de 40 vídeos.
Desde o Concello de Ames destacan a importancia de iniciativas como Galetiktokers para fomentar a presenza da lingua galega nas plataformas dixitais e demostrar que o galego tamén ten espazo entre as novas xeracións, con propostas frescas, actuais e cheas de imaxinación.
A entrega de premios volveu poñer de manifesto o potencial creativo da mocidade e a capacidade das redes sociais para converterse nunha ferramenta de promoción e difusión da lingua galega.
