
O PSOE de Oroso denuncia os problemas que están a xerar os novos aparcamentos, cuxo deseño está a dificultar o estacionamento e as manobras dos vehículos, provocando malestar entre os veciños e veciñas.
Segundo trasladan, as prazas presentan dimensións demasiado estreitas e unha orientación pouco adecuada, o que complica considerablemente o acceso e a saída dos vehículos, incrementando o risco de golpes e danos materiais.
Desde o PSOE aseguran que esta situación xa fora advertida pola veciñanza antes de que se executasen as obras. As persoas afectadas alertaran das dificultades que podía ocasionar o deseño das prazas, pero, segundo denuncian, estas preocupacións non foron atendidas.
O resultado, sosteñen, é que unha actuación que debería supoñer unha mellora das infraestruturas e dos servizos municipais acabou converténdose nun problema diario para os usuarios.
O PSOE de Oroso reclama ao goberno municipal que revise canto antes o deseño destes aparcamentos e adopte medidas que permitan corrixir as deficiencias detectadas, garantindo unhas prazas funcionais, seguras e adaptadas ás necesidades reais da cidadanía.
**«Escoitar aos veciños non é un favor, é unha obriga»,** subliñan desde a formación socialista, que insiste na necesidade de contar coa opinión da veciñanza antes de acometer obras públicas e de actuar con responsabilidade cando as intervencións realizadas non ofrecen os resultados esperados.
O PSOE considera que Oroso merece infraestruturas útiles, accesibles e ben planificadas, e reclama unha solución para evitar que os veciños e veciñas sigan soportando as consecuencias dunha actuación que, segundo denuncian, non respondeu ás súas demandas.
