
A comunidade educativa do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, na que estudan arredor de 400 persoas de entre 13 e 45 anos, reclama máis recursos humanos e unhas infraestruturas seguras para garantir unha atención educativa de calidade.
A mañá de onte celebrouse unha concentración convocada pola ANPA do centro, na que familias, alumnado e membros da comunidade educativa reivindicaron un incremento do persoal docente, especialmente para atender a diversidade e reforzar os apoios educativos, fundamentalmente nos niveis de ESO e Formación Profesional.
As persoas participantes denunciaron a insuficiencia de recursos para dar resposta ás necesidades do alumnado e reclamaron máis profesorado que permita ofrecer unha atención individualizada e inclusiva.
Ademais, esixiron que se rematen as obras pendentes no instituto e que se executen garantindo todas as medidas de seguridade necesarias, para evitar riscos e asegurar unhas condicións adecuadas para o desenvolvemento da actividade lectiva.
A mobilización busca visibilizar as necesidades do centro e reclamar á Administración educativa solucións que garantan tanto unha educación de calidade como unhas instalacións seguras para toda a comunidade escolar.
