
As obras de acondicionamento das beirarrúas da avenida da Mahía, en Bertamiráns, están a xerar críticas polo impacto que, segundo os veciños que cuestionan o proxecto, terán sobre a arboraxe existente e polo protagonismo do formigón na actuación.
A intervención afecta ao tramo comprendido entre a rotonda do cruzamento coa avenida da Peregrina, á altura do Mercadona, e a esquina do centro de idiomas A Casa das Linguas.
A necesidade de mellorar este espazo non está en cuestión, xa que existen tramos de beirarrúa que levan anos presentando problemas e que supoñen dificultades para os peóns. Porén, as críticas céntranse na solución escollida polo Goberno municipal para executar a reforma.
Segundo denuncian os críticos co proxecto, a actuación contempla a eliminación das árbores existentes e unha importante presenza de materiais de formigón: novo pavimento, elementos de separación da calzada e vaos, ademais de dous bancos deste mesmo material.
Outro dos aspectos sinalados é que o proxecto tería sido rexeitado en dúas ocasións pola Deputación Provincial, entidade á que lle corresponde financiar as obras.
Os cuestionamentos céntranse especialmente na perda de arboraxe nunha avenida urbana e na oportunidade de apostar por unha intervención que combine a mellora da accesibilidade peonil coa conservación das zonas verdes e a creación de espazos de sombra.
A polémica tamén abre o debate sobre o modelo de urbanismo que se quere para Bertamiráns, especialmente nun contexto no que as administracións destacan a importancia dos refuxios climáticos, da adaptación ao cambio climático e da protección da vexetación nas cidades e vilas.
