O BNG de Camariñas reclama actuacións urxentes na DP-1601 en Camelle e denuncia a falta de prioridade para arranxar a rúa Grixa

O pleno ordinario do Concello de Camariñas, celebrado este venres 27 de novembro, aprobou por unanimidade unha moción presentada polo portavoz municipal do BNG, Xurxo Rodríguez, na que se insta á Deputación da Coruña a acometer con carácter urxente a mellora da estrada DP-1601 ao seu paso polo núcleo urbano de Camelle, debido ao avanzado estado de deterioro que presenta, e a incorporar esta actuación como prioritaria no Plan de Estradas provincial.

A iniciativa reclama unha intervención integral nesta vía que permita reparar o firme, eliminando as fochancas, pozas e demais desperfectos existentes, así como mellorar e acondicionar as beirarrúas para garantir a seguridade dos peóns.

O BNG solicita tamén a actualización dos servizos públicos de abastecemento e saneamento que discorren pola rúa, a instalación de pasos de peóns e a renovación da sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de garantir unhas condicións adecuadas de seguridade viaria.

A moción demanda que todas estas actuacións se executen coa máxima urxencia e dilixencia, evitando que o mal estado da vía siga provocando caídas e accidentes. Ademais, reclama a instalación inmediata de barreiras laterais de seguridade e a renovación da sinalización no resto do trazado da estrada, desde o quilómetro cero ata o seu remate.

O goberno local non considera prioritario o arranxo da rúa Grixa

Por outra banda, Xurxo Rodríguez preguntou ao goberno municipal se é coñecedor do mal estado no que se atopa a rúa Grixa, na Ponte do Porto, e se existe algún proxecto redactado para acometer a súa mellora.

Na resposta, o equipo de goberno manifestou que non considera prioritario o arranxo desta vía, unha postura que o portavoz do BNG pediu reconsiderar, reclamando que se actúe coa máxima prioridade.

«A veciñanza que vive no lugar ten dereito a ter un acceso ás súas casas en óptimas condicións e con seguridade. Nesta rúa xa se ten producido algún incidente polo seu mal estado, provocando incluso caídas e lesións de persoas», afirmou Rodríguez.

O portavoz nacionalista insistiu na necesidade de atender as demandas da veciñanza e de garantir unhas condicións dignas e seguras nos accesos ás vivendas.

Rogos para mellorar infraestruturas e servizos

No apartado de rogos ao goberno local, o BNG trasladou tamén outras demandas relacionadas coa mellora de infraestruturas e servizos municipais:

  • O arranxo da rúa Gándara.
  • A elaboración dun proxecto para instalar unha cuberta no parque infantil de Camelle, acompañado da habilitación dunha partida económica que permita acometer a actuación.
  • A habilitación da Casa do Mar para que as crianzas do CEIP de Camelle poidan utilizar as instalacións para realizar educación física, así como para actividades de recreo e ocio.

O BNG reclama así unha maior atención ás necesidades da veciñanza de Camelle, da Ponte do Porto e do conxunto do municipio, insistindo na importancia de priorizar as actuacións que afectan á seguridade, á accesibilidade e á calidade de vida da cidadanía.