A CIG reclama ao Concello de Malpica a licitación do SAF para garantir condicións laborais e asistenciais dignas

O pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción para impulsar a regularización do servizo e abrir unha mesa de traballo coa representación das traballadoras.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) reclama ao Concello de Malpica que impulse sen máis demora a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva anos prestándose sen un contrato administrativo en vigor. O sindicato denuncia que esta situación de irregularidade favorece os incumprimentos laborais e de prevención de riscos por parte da empresa concesionaria e repercute tamén na calidade da atención que recibe a veciñanza.

Segundo a CIG, a actual prestadora do servizo traballa contra factura, unha fórmula que dificulta o control municipal das obrigas laborais e asistenciais e limita a capacidade da Administración para fiscalizar o cumprimento das condicións de prestación ou aplicar penalidades ante posibles incumprimentos.

A representación das traballadoras leva dous anos mantendo conversas co alcalde para reclamar a regularización do servizo e a elaboración dos pregos de condicións que permitan dotar a prestación de garantías xurídicas. Porén, o sindicato asegura que, malia os compromisos trasladados polo rexedor en varias ocasións, a situación continúa sen resolverse.

As traballadoras denuncian que padecen unha elevada parcialidade nas xornadas, modificacións unilaterais das condicións laborais e continuas alteracións dos horarios. Ademais, sinalan a falta de avaliacións de riscos laborais e de garantías efectivas para protexer a súa seguridade e saúde no traballo.

Unha moción aprobada por unanimidade

A representación legal das traballadoras da CIG promoveu, a través do BNG, unha moción para instar o Concello a avanzar na licitación do contrato e abrir previamente unha mesa de traballo coa representación do persoal. O obxectivo é que as propostas das traballadoras sobre melloras laborais e da calidade asistencial sexan incorporadas aos futuros pregos.

A iniciativa foi debatida no pleno municipal celebrado este xoves, nunha sesión marcada pola tensión. Segundo relata o sindicato, o alcalde negou inicialmente a posibilidade de debater a moción e protagonizou unha discusión coas traballadoras que se atopaban presentes no salón de plenos.

Finalmente, a proposta saíu adiante por unanimidade, polo que a CIG reclama agora ao Goberno local que cumpra o acordo plenario, inicie de inmediato a elaboración dos pregos e garanta a participación efectiva da representación das traballadoras no proceso.

“Non é admisíbel que as traballadoras dun servizo público esencial, que levan anos desenvolvendo o seu labor coa máxima profesionalidade, continúen a padecer as consecuencias da falta de regularización do servizo por parte do Concello”, denunciou Martín Caamaño, responsábel da Unión Local da CIG de Carballo.

O sindicato considera que a licitación é un paso imprescindible para acabar coa precariedade, garantir os dereitos laborais do persoal e asegurar unha prestación do SAF con condicións dignas tanto para as traballadoras como para as persoas usuarias.