O Concello da Laracha Impulsa Unha Nova Campaña De Compostaxe Doméstica

O Concello da Laracha anuncia o desenvolvemento dunha nova campaña de compostaxe doméstica dirixida a aquelas persoas residentes en vivendas unifamiliares do termo municipal da Laracha que dispoñan de parcela anexa.

A iniciativa consiste na cesión gratuíta de composteiros domésticos e kits de compostaxe combinada con campañas informativas e asesoramento por parte de persoal especializado que acudirá ás propias vivendas para a súa implementación e, posteriormente, para realizar o seguimento e aconsellar sobre o uso axeitado.

Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e está realizado en material 100 % reciclado. Conta cunha tapa superior con peche anti-vento e dobre apertura, así como cun sistema de montaxe sinxelo. Os kits de compostaxe están compostos por aireador de aceiro inoxidable, rede antirroedores e manual en papel impreso coa información necesaria para a correcta realización da compostaxe.

Aquelas persoas e familias que desexen formar parte do programa de compostaxe doméstica xa poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro cumprimentando este Formulario de solicitude ou poñéndose en contacto co Concello. Actualmente son preto de 400 vivendas do termo municipal as que xa contan cun composteiro individual grazas aos programas levados a cabo nos últimos anos polo Concello.

O obxectivo da compostaxe é que a autoxestión da materia orgánica se erixa como unha práctica habitual nas zonas máis dispersas, dadas as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais. Trátase, en definitiva, de recuperar unha tradición asentada no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis óptima, hixiénica, cómoda e eficient.e

A campaña de compostaxe doméstica que impulsa o Concello da Laracha conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implatación de recollidas separadas de biorresudios, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resilienciada UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.