A renovación do parque infantil da praza González Dopeso, entre Catro Camiños e A Cubela, arrincará no vindeiro mes de setembro

O Concello porá en marcha proximamente os traballos de renovación do parque infantil da praza González Dopeso, unha pequena área de xogos ao aire libre situada entre o Centro comercial de Catro Camiños e a contorna da Cubela.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou máis polo miúdo o contexto desta intervención, «que impulsamos ao abeiro do plan integral de melloras nos parques infantís que está a desenvolver o Goberno de Inés Rey en todos os distritos da cidade», con actuacións recentes en espazos de xogo na praza Francisco Prego (A Falperra) e coa incorporación de novos equipamentos nos parques infantís da praza de Pontevedra e a dársena da Mariña.

O seguinte paso será, pois, na praza González Dopeso, que conta cunha capacidade moi reducida en termos de persoas usuarias. Neste sentido, os informes técnicos apuntan á necesidade de sumar novos equipamentos atendendo á afluencia actual de nenas e nenos, que garda relación coa proximidade dun centro educativo nos arredores.

«O que imos facer é renovar o pavimento da área infantil, para reforzar a seguridade das crianzas, e incorporar tanto unha nova torre multixogo cun tobogán, como outro bambán, que permitirán que máis nenas e nenos xoguen de forma simultánea», explicou Díaz.

Ata agora, con só dous bambáns habilitados, a capacidade era de dúas persoas usuarias. Con esta nova proposta, será de 15.