Belén do Campo anuncia a construcción dunha nova senda de casi 500 metros en Ponteceso que dará continuidade o seu paseo litoral reforzando a posta en valor do río Anllóns

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, María Pilar Arias, visitaron a zona na que levará a cabo a construción dunha nova senda que prolongará o actual paseo litoral de Ponteceso seguindo o curso do río Anllóns pola súa marxe dereita, reforzando a posta en valor do río Anllóns. As obras comezarán a primeira semana de outubro e quedarán executadas antes de que finalice o mes de novembro.

O proxecto, que conta cun orzamento próximo aos 45.000 euros, contempla a execución dun tramo de ao redor de 500 metros de lonxitude, coa colocación dun bordo de aceiro corten, a habilitación dun pavimento de terra estabilizada con cemento de 10 centímetros de espesor e a instalación de bolardos metálicos que impedirán o acceso de vehículos.

Durante a visita, Belén do Campo destacou que a creación deste tipo de sendas supón un investimento crave para a mellora da calidade de vida da veciñanza, á vez que contribúe á protección e posta en valor dos espazos naturais. «Con iniciativas como esta favorecemos un uso sostible do territorio, fomentamos a mobilidade peonil e ofrecemos novos recursos para o lecer e o turismo sostible», sinalou.

A Xunta continúa así a súa aposta por impulsar actuacións que compatibilicen a conservación ambiental co goce social e turístico, reforzando a conexión da cidadanía cos ríos e coa paisaxe.