Regueira destaca en Fairway a repercusión do Camiño de Santiago no escaparate turístico da provincia

Xosé Regueira participou esta mañá na conferencia inaugural do foro Turismo e Camiño, de Fairway 2025, o encontro de profesionais do Camiño de Santiago, que se celebra desde onte ata mañá na capital galega co apoio da Deputación. Fairway chega á súa sexta edición cun programa de relatorios, mesas redondas, talleres, feira de emprego, reunións de traballo e outras actividades para todos os públicos; entre elas, a presencia da campaña do departamento de Turismo da administración provincial «A paisaxe que sabe». Ademais, o deputado provincial e Presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández, participou na mesa redonda «Turistificación: Visitantes ou invasores?»

Regueira compartiu intervencións con Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, e con Tono Mugico, Manuel Oreiro e Ana Trevisani, codirectores de Fairway, nun foro onde as principais administracións públicas colaboradoras do salón mostraron como xestionan e promoven o Camiño de Santiago baixo a lupa da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O vicepresidente provincial comezou destacando o significado actual do Camiño, a súa evolución como produto turístico e a súa repercusión no resto do escaparate turístico da Coruña. «O Camiño de Santiago, hoxe en día», afirmou, «é moito máis ca un itinerario peregrino: é un atractivo global que atrae centos de milleiros de visitantes cada ano, impulsando un turismo sostible e cultural». «No contexto actual», engadiu, «o Camiño representa unha oferta turística diversificada, que combina espiritualidade, natureza, cultura, historia e gastronomía».

Regueira cualificou de «fascinante» a evolución do Camiño como produto turístico. «Dende as súas orixes medievais como ruta de peregrinación, pasou a ser un fenómeno de masas declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993. Esta evolución implicou unha continua profesionalización do sector, con investimentos en infraestruturas, sinalización e promoción, converténdoo nun motor económico para Galicia». Unha repercusión que no resto do escaparate turístico galego tamén é «inmensa», segundo Regueira: «O Camiño actúa como porta de entrada, fomentando visitas a outros destinos, xerando un efecto multiplicador que beneficia a todo o País. En cifras, segundo datos recentes, o turismo xacobeo contribúe con máis do 20% ao PIB turístico de Galicia, creando emprego e dinamizando economías locais».

Para a Deputación da Coruña, o fenómeno Xacobeo e o Camiño como itinerario espiritual e turístico teñen unha importancia capital. «Somos o epicentro Xacobeo, con rutas únicas como o Camiño Inglés, que chega dende Ferrol e A Coruña ata Santiago, e a Fin do Camiño Fisterra-Muxía, que prolonga a experiencia ata o fin do mundo coñecido polos antigos», explicou Regueira. «Estes itinerarios», abundou, «non só enriquecen a nosa oferta, senón que fortalecen a identidade cultural e económica da provincia. O Xacobeo representa unha oportunidade única para posicionarnos como destino de calidade, atraendo peregrinos e turistas que buscan experiencias auténticas. Ademais, contribúe á cohesión territorial, conectando concellos rurais e urbanos, e fomentando o desenvolvemento sostible».

Tamén se referiu o vicepresidente á colaboración institucional e co sector privado. «A coordinación coa Xunta de Galicia e o sector privado é esencial. A través da Mesa do Camiño, un foro de colaboración interinstitucional, traballamos conxuntamente para potenciar o Camiño Inglés e a Fin do Camiño Fisterra-Muxía. Esta mesa permite alinear estratexias, compartir recursos e resolver desafíos comúns, como a mellora da sinalización, a accesibilidade ou a promoción conxunta. Grazas a esta sinerxía, logramos avances significativos, como campañas de marketing internacionais ou proxectos de conservación do patrimonio. É un exemplo de como a colaboración pública-privada pode maximizar o impacto positivo do turismo».

Reafirmou Regueira o compromiso da área de Turismo da Deputación «con elevar o estándar» da súa oferta turística. «Ademais do esforzo propio, apoiamos activamente ás asociacións de concellos do Camiño Inglés e da Fin do Camiño con achegas económicas substanciais: preto de 150.000 euros a cada unha delas». «Estes fondos», dixo o vicepresidente, «destínanse a iniciativas que melloran a calidade dos servizos, como a formación de guías, a renovación de albergues, a implementación de tecnoloxías dixitais para a xestión de fluxos ou a promoción de prácticas ecolóxicas. O obxectivo é fomentar un turismo sostible e de calidade, que teña na excelencia a súa meta».

Rematou o vicepresidente a súa intervención cunha advertencia: «Debemos preocuparnos de que o turismo non banalice o Camiño converténdoo nunha mera atracción superficial». Pola contra, segundo Regueira, o Camiño debería «servir para ofrecer unha experiencia única e diferenciadora a través da cultura, das tradicións, da historia, da lingua galega… Que os «peregrinos» se mergullen nas nosas raíces, gocen das nosas festas, dos nosos monumentos, da nosa língua e da nosa hospitalidade. O turismo debe xerar oportunidades e maiores cotas de benestar á poboación local, repartindo ben as cargas, como a xestión de residuos ou o impacto nos servizos, mais tamén as economías, asegurando que os beneficios cheguen ás comunidades».