
A Concelleira de Servizos Sociais, Luisa Rodríguez, participou recentemente en diversas accións de promoción no Reino Unido na súa calidade de presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra e Muxía, co obxectivo de reforzar a presenza e o recoñecemento internacional desta ruta xacobea.
Un dos momentos máis destacados foi a participación no evento “Walk the Spanish Way”, celebrado en Reading, que reuniu a máis de 15.000 persoas interesadas nos Camiños de Santiago. Esta cita converteuse nun escaparate privilexiado para dar a coñecer o Camiño Fisterra e Muxía, unha ruta singular que culmina no mar, no considerado historicamente como o Fin do Mundo.
Ademais, a delegación tamén estivo presente en Southampton, onde participou na inauguración dunha nova mouteira, un fito simbólico que reforza os lazos coa comunidade peregrina internacional e co sector turístico británico.
Estas iniciativas desenvolvéronse en colaboración coa Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Confraternity de St. James, entidades que traballan conxuntamente na promoción dos distintos itinerarios xacobeos.
Con este tipo de accións, a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra e Muxía continúa a consolidar o seu posicionamento no ámbito internacional, promovendo este itinerario como un destino único que combina patrimonio, natureza e espiritualidade.