
A Xunta aproba o trazado da prolongación da autovía da Costa da Morte entre Vimianzo e a AC-432
Santiago / Vimianzo. O Consello da Xunta deu luz verde este xoves ao proxecto de trazado da prolongación da autovía da Costa da Morte, no tramo comprendido entre Santa Irena (Vimianzo) e a estrada AC-432, que conecta os municipios de Vimianzo e Camariñas.
Segundo informa Faro da Costa, o Goberno galego prevé convocar de inmediato os actos expropiatorios e, a continuación, licitar as obras antes de final de ano, cun orzamento superior aos 36,1 millóns de euros.
O proxecto contempla a execución dun novo tramo de 5,5 quilómetros de lonxitude, que incluirá a construción de dúas ligazóns e a previsión dun terceiro acceso, ademais de tres viadutos, seis pasos superiores, tres inferiores e seis obras de drenaxe.
Con esta actuación, a Xunta dá un novo paso no desenvolvemento da autovía da Costa da Morte (AC-552), co obxectivo de mellorar a conectividade da comarca e incrementar a seguridade viaria nun dos eixes principais de comunicación do noroeste galego.