Santa Comba : Promocionando o alleo e esquecendo o propio


Din as malas linguas —e as boas tamén cando lles sae a verdade sen querer— que estes días a nosa Concelleira de Turismo botou a voar cara terras inglesas para promocionar o Camiño Inglés… aínda que aquí, en Santa Comba, seguimos buscando no mapa onde demonios pasa ese “gran reclamo turístico” que discorre por unha pista forestal onde nin o máis aventureiro dos peregrinos se atreve a preguntar por indicacións.

Porque resulta que, grazas a un acordo, unha secretaría e unha cuota anual de 2.500 euros, Santa Comba forma parte dunha Asociación que, dous anos despois, aínda non atopou un minutiño para poñer o nome do noso Concello na súa web. Debe de ser que andan ocupadísimos, quen sabe, igual contando pedras nos caminos alleos. Paciencia, din. Que todo chega. Igual dentro doutros dous anos cae unha nota ao pé: “E tamén está Santa Comba, que non se nos esquece”.

E mentres tanto, nós aquí, dedicando tempo, recursos e viaxes a Londres para promocionar o Camiño de Fisterra e Muxía, ese mesmo que deixa en Santa Comba… pois nada, nin un euro, nin un peregrino, nin unha triste sombra. Iso si, fotos de mojóns do Camiño Inglés non faltan: celebracións, apertas, sonrisas… unha festa. E mentres, as humildes frechiñas da Vía Céltica —mercadas pola nosa Asociación e doadas ao Concello— están no almacén, medrando pó e quizais desenvolvendo personalidade propia, pero colocadas non están, que iso xa é moito pedir.

E unha persoa pregunta, así con retranca, para non molestar:
Que beneficio ten para o comercio, a hostalería e a restauración de Santa Comba andar promocionando camiños que nin pasan por aquí?
Por que a nosa Concelleira se amosa tan sorrinte con persoas que falan do noso Concello con menos cariño que un día de nordés?
Por que os nosos dirixentes defenden os intereses doutros concellos mentres ignoran o que é noso?
E por que, vaia por Deus, non fan nada pola Vía Céltica?

Será que a Vía Céltica é demasiado nosa, demasiado cercana, e claro, o que está preto non ten glamour, nin permite viaxar tanto, nin dá tantas fotos para subir ás redes.

En fin, aquí seguimos, cun sorriso torcido e moita retranca, esperando o día en que alguén no Concello descubra que promocionar o propio tamén conta. Igual ata dá resultados. Igual ata trae xente. Cousas máis raras se viron.