
Un vehículo quedou envorcado sobre o lado do condutor tras un accidente ocorrido na tarde de hoxe nas inmediacións do antigo campo de fútbol de Bertamiráns, no concello de Ames. A posición na que quedou o coche impediu que o ocupante puidese saír polos seus propios medios. Ademais, presentaba fortes dores, o que dificultou as tarefas de rescate.
O 112 Galicia mobilizou os efectivos do GES de Brión, que, aínda que non tiveron que cortar a estrutura metálica do vehículo, lograron retirar ao ferido polo lado contrario ao envorco. A súa actuación permitiu que o persoal de Emerxencias Sanitarias 061 accedese ao interior do coche para atender ao accidentado e evacualo posteriormente ao Hospital CHUS de Compostela.
Durante todo o operativo, axentes da Garda Civil de Tráfico encargáronse de garantir a seguridade viaria na zona. A persoa ferida foi finalmente trasladada ao centro hospitalario en estado reservado.