
UCIN Galicia esixe unha intervención inmediata na autovía Padrón–Ribeira (AG-11)
ante unha sinistralidade diaria que consideran absolutamente insostible. A formación
denuncia que esta infraestrutura clave para a mobilidade da comarca deixou de ser unha
vía segura e converteuse nun risco constante para os seus usuarios.
Segundo UCIN, a media de dous ou tres accidentes diarios na AG-11 é unha cifra
inaceptable para unha autovía destas características. O estado do firme é claramente
deficiente, con fochancas, gretas profundas e un desgaste extremo que reduce
gravemente a adherencia, provocando perdas de control, saídas de vía e colisións.
Os sinistros prodúcense ao longo de todo o trazado e en distintas franxas horarias, o que
demostra que non se trata de puntos negros concretos, senón dun problema estrutural
derivado do abandono e da falta de mantemento dunha vía pola que circulan miles de
persoas cada día para traballar, estudar ou acceder a servizos básicos.
Desde UCIN Galicia lembran que esta situación non é nova. Arrástrase desde hai máis
de tres anos e agravouse de maneira alarmante nos últimos seis meses. A pesar de que
as administracións competentes son plenamente conscientes do problema, denuncian
que optaron pola inacción, sen aplicar solucións reais nin priorizar a seguridade viaria.
“O que está a ocorrer na AG-11 é unha irresponsabilidade política grave. Non falamos
dun fallo puntual nin dun accidente inevitable, falamos dunha neglixencia sostida no
tempo que está a poñer en perigo a vida das persoas”, afirmou José Luis Calo,
coordinador de UCIN Galicia.
“A seguridade viaria non pode seguir subordinada á pasividade institucional. Cada día
que pasa sen actuar é un día no que se expón a cidadanía a un risco evitable”, engadiu.
UCIN Galicia esixe á Xunta de Galicia unha actuación inmediata e contundente, que
inclúa a reparación integral do firme, un plan serio de mantemento e todas as medidas
necesarias para garantir unhas condicións de circulación seguras. “Non se pode esperar
a que ocorra unha traxedia para actuar. Protexer a vida das persoas que usan esta autovía
a diario debe ser unha prioridade política absoluta”, concluíu Calo.